Nunha man podería levar un caldeiro e, na outra, unha brocha. Ás veces deteríase e, ás atoutiñadas, comezaría a pintar o ar; porque inda que ninguén o vira, non quere dicir, sen embargo, que non puidera facelo, ou incluso que agora, neste mesmo intre, o estivera a facer.
A pesar de que de cotío falaría só, ou iso podería semellar, tamén podería dicir que «se botamos contas, a maior parte do tempo, das vinte catro horas do día, resúmese nisto: pasámolo case sen falar con ninguén ou, no caso de facelo, é en forma de monólogo.»
Os seus poemas serían un amasillo de sentimentos, mestura da angustia máis profunda e, á vez, da ledicia de vivir máis exultante, co que probariamos realmente a nosa hipótese sobre o caldeiro e a máis que probábel composición do seu contido. Palabras que xustificarían «unha necesidade imperiosa de furar o illamento e expulsar o que hai tras estes impertinentes silencios».
Un día, podería chegar a nos confesar os seus medos -previa relación de profunda amizade que, por outro lado, non é nada doada-, xa que no caldeiro habería, segundo palabras textuais súas, «moita merda». E se outro día pasara e chegaramos a intuíres que é el -realmente, e dada a situación, algo improbábel de todo-, poderiamos oílo fungar «un monólogo que dispara unha voz que é outro monólogo, e así ata o límite, ininterrompidamente, ata a desesperación, a morte.»
Todos os poemas que tiveran que ser escritos formarían parte dun proxecto que non sabería se podería acadar -baleirando adoito o caldeiro, claro está. Un xeito máis, como calquera outro, de non estar morto.